miércoles, 27 de noviembre de 2013

Presentación en Compostela de O corazón da Branca de Neve (Galaxia 2013), de Francisco Castro

O pasado 26 de novembro, tivo lugar a presentación de O corazón da Branca de Neve (Galaxia 2013), a novela de Francisco Castro gañadora do Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia. Un bo feixe de persoas nos xuntamos na librería Cronopios, de Santiago para escoitar a María Solar e ao propio Fran Castro. Un picoteo posterior fixo aínda máis agradable o acto, nun establecemento que está a converterse, no pouco tempo que vai dende a súa abertura, nunha referencia para a cidade camiño de alcanzar as mesmas cotas que a librería homónima de Pontevedra.
María Solar falounos de Fran e tamén de xeitos de escritura, de escritores rápidos e lentos, pero todos eles, coa marca do país de ser escritores roubahoras, que lle quitan tempo ao lecer e á familia para escribir literatura, uns co método de aproveitar esas horas para compoñer novelas feitas aos poucos, a base de engadir texto ata dar a novela por rematada, -como a propia María afirma redactar-, e outros, como Fran Castro, que escriben a base de "sachar", en palabras da propia María: revisando e podando tres veces un primeiro borrador dos seus escritos. Virxilio, por certo, era tamén do segundo tipo, como Fran: Donato, o seu biógrafo transmite que "redactaba pola mañán moitos versos, que dictaba, e logo pasaba o resto do día retocándoos ata reducilos a moi pocos. Decía, e non sen razón, que él facía nacer o seu poema e lle daba xeito definido igual que unha osa lamía ás súas crías". 
Así, a base de sacho ou de lametóns, nace esta novela de xénero policíaco que no seu plano formal se suxeita ás bases dun premio que esixía 31 capítulos de 3500 caracteres. Fran Castro axustouse perfectamente a este modelo, que non só non lle resultou constreñidor, senón que me atrevería a dicir que para os lectores ten o engado da velocidade e o engaiolamento do folletín. A trama, nese sentido, tamén podería ser calificada de folletinesca. Fran Castro ten escrito en O corazón da Branca de Neve un relato arredor das bandas que rouban nenos. Con estes escuros mimbres compón un retrato de denuncia da hipocresía dunha sociedade que sempre é capaz de xustificar o inxustificable. Faino a través dun personaxe xa coñecido polos seus lectores: o inspector Hermida. 
A profundización en Hermida é un dos grandes acertos da novela. O vello inspector é un retrato de tantos funcionarios cansos que afrontan o diario o choque entre a súa ética e unha sociedade que se encargan de conter pero que lles golpea as costas diariamente. María Solar, con moita exactitude, definiu a O corazón de Branca de Neve coma unha "novela rotunda". Rotunda e do mesmo xeito, redonda. Fran Castro domina á perfección, como dixemos, esa técnica derivada do folletín -e tan implicada ademáis coa prensa diaria- de someter ao lector aos anticlímax e clímax de cada capítulo, para obrigalo, queirao ou non, a non abandoar unha lectura que resulta tan amena como intrigante. Complementa este aspecto o ter composto moitas voces que nos falan de xeito que poidamos compoñer, ao igual que Hermida, un ácedo retrato dun mundo máis oscuro do que nos gustaría a todos nós, e tal vez, en particular, ao vello inspector. Unha denuncia, así, do que temos construído e nos rodea, para ben e para mal. Con todo elo Fran Castro ofrécenos unha novela poderosa e de alta calidade.


martes, 26 de noviembre de 2013

As marcas de Eros




Quen queira achegarse á poliédrica e inclasificable figura de Pierre Bourgeade (1927-2009) dispón agora dun dos escasos libros seus traducidos á castelán, Elogio del Fetichismo (Siberia, 2013) -e eloxios para David Cauquil, nesa difícil labor-, un conxunto de textos literarios arredor desta parafilia. Bourgeade bebe do enciclopedismo erótico de Apollinaire e As once mil vergas; tamén de Sade e do Bataille de O erotismo e As bágoas de Eros.
Elogio del Fetichismo atrápanos nunha fotografía de múltiples perspectivas, como intento sempre inútil de capturar a riqueza da realidade. O título francés explicita máis este feito ao personalizalo nos suxeitos da parafilia: Éloge des fetichistes. Bourgeade fainos ver que no eido do erotismo a realidade é tan varia como as persoas. Chocamos co descoñecemento que marca non só a sociedade senón a nosa intimidade. É un paradoxo que en certo sentido tenta quebrar a boa literatura erótica.

Podemos ler este Elogio del Fetichismo dende outras perspectivas. Unha, a teatral, faceta destacadísima de Bourgeade, que foi un prolífico autor da escea francesa dos sesenta e setenta do século XX en obras coma a afamada Orde (1969), continuada despois nos oitenta polas imprescindibles Deutsches Requiem ou Le Próces de Charles Baudelaire. Leamos esta obra coma unha serie de performances que levan a cabo aposta en escea dos diferentes focos e xogos vencellados ao fetichismo e á sumisión. Pero Bourgeade non se remata só no eido teatral. Outra posibilidade é ler este conxunto erótico coma unha novela negra, na que Bourgeade foi un valorado representante do xénero. Lamentablemente esta parte da súa obra resulta tan descoñecida en castelán coma os seus textos teatrais. Así, a lectura deste èloge é unha investigación das intimidades que busca resolver un enigma que non ten solución posible. Todos somos culpables.
É un acerto da editorial Siberia e da súa directora Iria Rebolo, o atreverse cunha obra que non merece estar relegada na marxinalidade do erotismo e a pornografía. A aposta de Siberia resulta nestes seus inicios, excelente e aberta a posibilidades que aúnan a alta literatura coa sorpresa do enfoque editorial. Tan recomendables coma este Elogio del Fetichismo son as Cartas de amor do poeta galés Dylan Thomas e o ácedo e nihilista retrato dos enamoramentos que realiza Jean Philippe Toussaint en Hacer el amor. Son apostas que indican que Siberia inicia pisando forte unha andaina que esperamos fructífera. Polo menos, están a agasallar aos lectores con textos de lectura enriquecedora, interesante, varia e tan cuidada coma o formato exterior e interior dos seus libros.
Aos poucos, a literatura erótica vai abríndose camiño, malia dificultades, no mercado editorial. Semella claro que para a aparición de máis obras deste xénero ha ter influido o éxito de productos de alta mercadotecnia e baixísima calidade como Cincuenta sombras de Grey ou similares. Aínda así, chama a atención, porque os lectores das andanzas sexo-elevadas do señor Grey non soen ser os mesmos lectores que os de literatura erótica, que busca falar máis aló dos sentidos. Con todo, as editoriais parecen estar aproveitando este tirón erótico para reeditar libros como Emmanuelle, (Tusquets, 2013), de máis fama que nivel literario. Bótase en falta que Tusquets non aposte en serio
por recuperar coleccións senlleiras coma La Sonrisa Vertical, amparada baixo o premio homónimo e a figura de Berlanga, e escolla títulos illados e pouco valiosos dunha colección que a finais dos setenta e principios dos oitenta supuxo un fito editorial que normalizaba un xénero ata entón vilipendiado. Similar labor normalizadora está a facer sellos coma Egales, que nos seus oito anos de andaina convertiuse nun referente no mundo dos textos literarios e do ensaio de temática homosexual.
Nun eido máis literario e vencellado ao erótico, e por seguir con literatura francesa, Cabaret Voltaire ten editado a excelente finalista do Goncourt 2008 Una educación libertina (2011), de Jean Baptiste del Amo (1981) e agora La sal (2013), ambas en excelente tradución de Lydia Vázquez. Del Amo non é un escritor sinxelo nin amable. A disección que traza da dor, dos prexuízos, do vitriolo que contamina as relacións familiares e sexuais, resulta calquera cousa menos doada e diríxese, como un puño ou un coitelo, cara ao lector.
Liñas máis abertamente pornográficas ten a provocadora El luminoso regalo, de Manuel Vilas (Alfaguara 2013).
Vilas elabora unha novela tan abertamente pornográfica que obriga ao lector a esquecer as obviedades xenitais se quere entrever a reflexión que deberá subxacer ao relato.




Nunha sociedade que non se escandaliza por nada, a novela de Vilas é abertamente escandalosa. Bourgade tamén rivalizaba con Bataille en buscar o escándalo como xeito de importar, en todos os sentidos, a súa obra literaria. Dende un humor moi diferente e dende a mirada erótica, Elogio del Fetichismo fainos ver a posibilidade de que a literatura nos faga afrontar tanto as profundidades do que nos rodea coma tamén as profundidades da nosa pel. 









(Publicado en Nordesía, Suplemento Cultural do Diario de Ferrol, o 24-11-2013)